Saturday 20 de April de 2024

Manuel Mirás anúncialles un plan de arranxo de pistas entre aldeas aos veciños de Vilarromariz


Os veciños participantes no Encontro co Alcalde solicitaron o acondicionamento do local social e pequenos arranxos, para os que o alcalde lles recomendou o uso da Liña Verde Oroso

O Concello de Oroso vai desenvolver durante este ano 2015 un plan de arranxo das pistas que unen as distintas aldeas do municipio. Así o anunciou o alcalde orosán, Manuel Mirás, durante o Encontro co Alcalde celebrado esta fin de semana na parroquia de Vilarromariz, no que participaron máis de corenta veciños e veciñas. Mirás explicou que “no concello de Oroso hai máis de seiscentos quilómetros entre pistas e camiños”, polo que indicou que o seu mantemento e arranxo supón cada ano un custe moi elevado para as arcas municipais.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, Xosé Castro, explicoulles aos veciños que xa se fixo o retellado da igrexa e que o Concello de Oroso xa fixo todos os trámites necesarios para cambiar o cruceiro de sitio, polo que se está á espera da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. O obxectivo do cambio de emprazamento do cruceiro é que o palco da festa non teña que ser colocado de costas á igrexa.

Así mesmo, Castro explicou que xa se acondicionaron varias farolas que estaban en mal estado e que proximamente os veciños e veciñas de Vilarromariz poderán estrear o equipamento de actividades biosaudables instalado na confluencia das dúas rutas de sendeirismo que pasan por Vilarromariz.

Peticións dos veciños

Pola súa banda, os veciños e veciñas aproveitaron este Encontro co Alcalde para solicitar a instalación dunha farola nunha pista de baixada que linda coa finca da igrexa, a colocación dun espello na saída de Gadamil (de escasa visibilidade para os condutores) e a recolocación dun sinal de stop tirado. Sen embargo, o maior número de peticións centráronse en melloras para o local social de Vilarromariz, para o que solicitaron a instalación dun tellado que cubra o seu exterior e realizar melloras que eviten a entrada de auga no inmoble, unha auga que se acumula coa choiva debido aos desniveis existentes no terreo.

Manuel Mirás tomou nota de todas estas cuestións e adiantou que o Concello de Oroso ten programado un plan de instalación de farolas, polo que a petición dos veciños será incluída neste proxecto. Ademais, aproveitou para lembrarlles aos veciños e veciñas a dispoñibilidade do servizo Liña Verde para poder comunicar este tipo de incidencias, de xeito que se podan resolver con maior celeridade. Unha aplicación para teléfonos móbiles que se pode descargar dende a páxina web do Concello de Oroso.